Esta semana para nós foi a “Xeolosemana”, dedicámola a falar de xeoloxia xa que somos uns privilexiados por vivir nunha contorna tan rica nesta materia. Quiroga e O Courel non só teñen prestixio en canto a flora e fauna senón que podemos afirmar que temos unha excepcional xeodiversidade, na que podemos atopar desde formacións ata restos fósiles que residen nas nosas terras desde fai millóns de anos.
Ademais da zona, Quiroga conta con dous marabillosos museos que merece a pena visitar: un Museo Etnográfico, que visitamos hai dúas semanas, e o Museo Xeolóxico, do cal vos falamos nesta entrada e visitamos o pasado venres.
Non só descubrimos que o territorio galego se formou a escasos kilómetros da nosa ocioteca, senón que aprendemos un pouco de paleontoloxía, das primeiras ocupacións humanas da zona e ademais puidemos vivir o que sente metendo a man na boca do oso, comprobar como se facían armas coas pedras que os nosos parentes, os homo habilis se atopaban no seu camiño ou entender un pouco máis o modo de vida de todas as especies e a orde de aparición das mesmas.

IMG_20160205_183005

Todo isto foi grazas a Ramón Vila, “a persoa que ten mais museos do mundo” segundo algún dos nosos pequenos e pequenas, e ao cal estamos moi agradecidos por demostrar o tanto que lle gusta o seu traballo e mostrárnolo a nós dunha maneira entendible e motivadora.
As posibilidades que ofrece un museo son inmensas para a aprendizaxe e o desenvolvemento dos nenos e nenas, por iso confiamos en que se relacionen con estes espazos desde ben pequenos, quizais ter a súa total atención durante toda a visita pode chegar a ser complicado sobre todo cando máis pequenos son, pero con motivación e interactividade todo é posible, á vista está o ben que o pasan os nosos visitantes nas dúas visitas a museos que fixemos no Albergue.


Ademais decatámonos que Ramón coleccionaba dinosauros, e se a iso lle sumámos o interese que teñen algúns dos nosos pequenos con estes seres tan antigos, decidimos traballar toda a semana na elaboración dun propio, para agradecerlle a Ramón a súa participación con nos.

 

 

 

 

 

Elaboramos unha peza única para que se anada á colección do museo, e así foi que se fixo o seu pequeno oco no mesmo! Aquí presentámosvos ao noso “Tirrex” no Museo Xeolóxico de Quiroga, pero non vos asusteis, o noso é vegetariano. Esperamos que vos guste!

Pin It on Pinterest